Este martes inaugúrase a Edición 02 de Novos Cinemas
Por Redacción
A Edición 02 de Novos Cinemas - Festival Internacional de Cinema de Pontevedra dará comezo este martes 27 de xuño e proxectará arredor de 40 pezas audiovisuais ata o vindeiro domingo 2 de xullo. Nunha xornada que empezará ás 18.00 horas e co Teatro Principal como escenario, o protagonista será o alumnado da Universidade de Vigo que participou entre os meses de abril e xuño no obradoiro 'Correntes', impartido polo cineasta galego Oliver Laxe.
En catro sesións diferentes, dez novos creadores utilizaron o río Lérez como leitmotiv para levar a cabo as súas investigacións e creacións. "O ser humano é o centro da maior parte das obras desenvolvidas neste obradoiro. Moitos dos cineastas escolleron retratar aos seus amigos na contorna do río Lérez. Bo sinal, tendo en conta o escapismo que denotan algunhas prácticas cinematográficas contemporáneas. Todas as pezas son un fiel reflexo dunha xeración, dunha época, de momentos que non volverán suceder", afirma Laxe. A sesión será de acceso gratuíto ata completar aforo.
Para pechar o primeiro día e como gran acto de apertura de Novos Cinemas, o público poderá visionar a partir das 21.00 horas tamén no Teatro Principal o filme Hermia & Helena, do arxentino Matías Piñeiro. O cineasta, homenaxeado nesta edición do festival, presentaralle ao público pontevedrés esta longametraxe na que relata a historia de Camila, unha rapaza que viaxa dende Bos Aires a Nova York para realizar unha residencia artística que ten como obxectivo desenvolver o seu próximo proxecto: unha tradución de Soño dunha noite de verán, de William Shakespeare.
Á súa chegada, Camila pronto se dá de conta de que o traballo non compensa o feito de ter deixado atrás aos seus amigos e ao seu mozo. Un novo camiño ábrese ante ela cando comeza a recibir unha serie de misteriosas postais de Danièle, unha anterior participante da residencia.
O filme, premiado nos festivais de Locarno e Mar del Plata, proxectarase nunha sesión aberta a todo o público con entrada gratuíta solicitándoa no despacho de billetes do Teatro Principal a partir dunha hora antes do inicio do pase.
Relacionadas:
-
36 leccións de cinema e moitos latexos na pantalla grande
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Nove películas, todas inéditas en Galicia, competirán na Edición 02 de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O cineasta arxentino Matías Piñeiro protagonizará a sección retrospectiva de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño |
-
A segunda edición de Novos Cinemas ofrecerá a proxección ao aire libre de 'María (y los demás)'
Por Redacción |
-
Oliver Laxe: "Nunca tivera acceso á arte nin ao cinema feito con alma. Tíveno en Pontevedra"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Novos Cinemas aposta por un ambicioso proxecto formativo para a segunda edición do festival
Por Alejandro Espiño |