A I Festa dos Libros pasa a súa última páxina. De momento...
Por Redacción
A primeira edición da Festa dos Libros de Pontevedra botou o seu peche co mellor sabor de boca posible tras cultivar un éxito de vendas e público durante os tres días nos que se celebrou na praza da Ferrería da man de trece librerías da cidade.
O encontro entre escritores, libreiros e amantes da lectura contou coa participación das librerías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, La Nube de Papel, Metáfora, Espazo Lector Nobel, Patakafrita, Paz e Seijas, todas elas establecementos da cidade que organizaron actividades con máis de 60 autores distintos e ofreceron aos seus clientes un 10% de desconto en todas as compras.
Esta primeira edicion da Festa dos Libros incluíu máis de 60 actividades durante a fin de semana, de venres a domingo. Este domingo, día do peche, programara un particular vermú literario con María Xesús Nogueira, acompañada polo editor Antón Lopo; un recital de poemas de Lara Dopazo, Xil Xardón, Alicia Fernández, Jesús Castro, Berta Dávila, Antón Branco e Oriana Méndez; e a presentación do segundo libro do escritor de Moaña Juan Parcero falará, A fiestra aberta.
Ao longo da xornada déronse cita na carpa da Ferrería asinando exemplares dos seus libros Míriam Ferradáns; Diego Giráldez; Salvador Rodríguez Pastoriza; Enrique Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento; Juan Prieto; Loli Beloso; Inma López Silva; Crisna Curral Soilá e Aurora Cascudo Román; Eva Mejuto; Xosé Monteagudo; e Nuria Figueirido.
Ademais, con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBT, organizáronse as 'Lecturas Orgullosas' con Eva Mejuto e Carlos Callón; a xornalista e escritora Macarena Berlín presentou o seu libro Háblame bajito e non faltaron a música folk actual de Primordiais nin a programación infantil, con Maimiñas, un taller de caracterización de personaxes de contos e historias a cargo de Risotadas e unha ruta familiar de Crisna Curral e Aurora Cascudo co título 'Emprazadas'.
Relacionadas:
-
O bo tempo non pode co amor á lectura: cheo na Festa dos Libros
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Comeza a Festa dos Libros na Ferrería como espazo para reivindicar a figura do libreiro
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Máis de 60 actividades animarán a Festa dos Libros na Praza da Ferrería
Por Redacción |
-
Trece librerías de Pontevedra únense na primeira Festa dos Libros
Por Alejandro Espiño |