Comeza a Festa dos Libros na Ferrería como espazo para reivindicar a figura do libreiro
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Este venres inaugurábase na praza da Ferrería a primeira edición da Festa dos Libros en Pontevedra coa participación de 13 librerías e 60 actividades que se irán desenvolvendo ao longo da fin de semana.
Unha carpa acolle os postos de cada unha das librerías participantes, que ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras, ademais dun espazo para desenvolver diferentes actividades.
Os concelleiros Carme da Silva, Anabel Gulías e Demetrio Gómez achegáronse á apertura desta Festa dos Libros, que arrancou co relatorio 'De onde xorden as ideas?', a cargo do pontevedrés Manel Loureiro, autor da triloxía zombie 'Apocalipsis Z'. Durante a tarde deste venres, ás 18.00 horas, Ana Cabaleiro presentará o seu primeiro libro, 'Sapos e sereas'. Pola súa banda, Xosé Manuel Pereiro dará a coñecer a revista Luzes, que dirixe xunto ao escritor Manuel Rivas.
Montse Fajardo falará das historias que recolleu no seu libro 'Un cesto de mazás', xunto a Luís Bará que presenta 'Non deas a esquecemento' e Susana Sánchez Aríns con 'Seique'. Todos eles asistirán ás 19.15 horas nunha charla sobre a memoria das vítimas do 36.
A partir das 20.00 horas, o protagonista será o xornalista pontevedrés Manuel Jabois, que presentará o seu libro Nos vemos en esta vida o en la otra'. E ás 20.45, Pedro Feijoo conversará coa xornalista Susana Pedreira sobre a súa obra 'Os fillos do lume'. As actividades concluirán cun concerto de Furious Monkey House, que asinarán o libro 'Corre, mono, corre'.
Ao longo da mañá do sábado 24 ás 12.30 horas, Miguel Anxo Fernández presentará 'Blues para Moraima', Premio Branco-Amor 2016. Unha das presenzas máis mediaticas desta edición chegará ás 13.30 horas, a escritora e xornalista Marta Robles presentará o seu último libro 'A menos de cinco centímetros', unha novela negra. E a continaución María Oruña presenta 'Un lugar donde ir'.
Ao longo da fin de semana tamén asistirán outros profesionais coñecidos polo seu traballo nos medios de comunicación como Macarena Berlín, condutora do programa 'Hablar por hablar', ou o ilustrador e humorista gráfico Luis Davila.
A concelleira Carme da Silva destacaba as numerosas actividades que se van a desenvolver ao longo destes tres días con contacontos, obradoiros, firmas de libros e presentacións. A iniciativa desta Festa dos Libros parte do Concello en colaboración coas librerías para fomentar a imaxe dos libreiros porque, segundo afirma, "son axentes culturais activos".
Pola súa banda Cano Paz, xerente da librería Paz, sinalaba que con esta nova proposta téntase atraer a novos públicos para ofrecer libros que pasan máis desapercibidos. Indicou que coa instalación baixo a carpa búscase un formato colectivo máis atractivo para o visitante. "A situación do sector cada vez é peor", engadiu sinalando que se cambiaron os hábitos de consumo durante os últimos anos coa inmediatez de servizos que achega a venda de libros por internet. Sinalou que as librerías de Pontevedra buscan oco para manterse neste período de actividade dixital.
Consulta toda a programación AQUÍ.
Relacionadas:
-
A I Festa dos Libros pasa a súa última páxina. De momento...
Por Redacción |
-
O bo tempo non pode co amor á lectura: cheo na Festa dos Libros
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Máis de 60 actividades animarán a Festa dos Libros na Praza da Ferrería
Por Redacción |
-
Trece librerías de Pontevedra únense na primeira Festa dos Libros
Por Alejandro Espiño |