Pallasos en Rebeldía estrea en Poio "O Valo", unha obra sobre os refuxiados
Por Redacción
Dous mundos, dúas realidades, dúas consciencias encarnadas en dous personaxes ben distintos: o soldadiño de chumbo e Sáhara, a rosa do deserto. É o que propón a obra O Valo, un espectáculo que se estreará o mércores 21 de xuño, ás 11.00 horas, no CEIP Lourido, en Poio.
A xira de presentación, que financia o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, continuará por outros dez concellos galegos. Está dirixida por Iván Prado e protagonizada Fran Rei e Saleta Fernández.
A partir do marabilloso texto de Carlos Labraña, merecedor do IX Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil, O Valo contrapón dous mundos: fronte ao pensamento patético e torpe do Soldadiño de Chumbo, que obedece ordes dos seus superiores desde a fe cega no que sempre lle dixeron o que tiña que facer, oponse a sensibilidade de Sáhara, unha rapaza que foxe da guerra e que recibiu tantos paus na vida que xa poucas cousas poden detela.
A forza e a dignidade desta nena refuxiada farán reflexionar ao público en contraste co soldado, cuxo corazón se debate entre a obediencia, que mesmo lle pode levar a matar en nome dunha patria, e a fraternidade que o impulsa a romper todos os valos.
A obra, producida por Culturactiva e Pallasos en Rebeldía, ofrece un encontro a ambos os dous lados dunha fronteira que non só separa a civilización do baleiro, senón que abre unha ferida no corazón da humanidade.