Nove películas, todas inéditas en Galicia, competirán na Edición 02 de Novos Cinemas
Nove películas, oito delas estreas en Galicia e unha inédita en toda España, integrarán a sección oficial da Edición 02 do festival Novos Cinemas, que se celebrará en Pontevedra entre o 27 de xuño e o 2 de xullo.
Serán filmes que foron presentados en prestixiosos festivais e que foron moi ben recibidos pola crítica, gañado premios en todo o mundo, segundo destacaron na súa presentación os programadores do festival, Suso Novas e Ángel Santos.
Nel, un ano máis, apostarán polo talento emerxente. Son, en todo caso, primeiras e segundas longametraxes de cineastas noveis. Serán analizadas por un xurado profesional e por un xurado formado por cinco estudantes do campus de Pontevedra.
Os responsables do festival destacaron que entre estas nove películas, dúas delas sexan españolas. Trátase de Los objetos amorosos de Adrián Silvestre y Estiu 1993 (Verán 1993) de Carla Simón, este último segundo Suso Novas, un dos éxitos "máis fulgurantes" do cinema patrio nos últimos anos, premio á mellor ópera prima na última Berlinale.
Xunto a eles optarán ao premio á mellor película os filmes Bezbog (Sen Deus) da realizadora búlgara Ralitza Petrova, I tempi felici verranno presto (Os bos tempos chegarán pronto) do italiano Alessandro Comodin, Le Parc (O parque) do francés Damien Manivel, Lumières D´Été (Luces de verán) do francés Jean-Gabriel Périot, Occidental do franco alxerino Neïl Beloufa, António um dois três (Antonio un dous tres) do brasileiro Leonardo Mouramateus e Porto, película portuguesa rodada polo brasileiro Gabe Klinger.
A sección oficial pecharaa, fóra de concurso, a película Mimosas do galego Oliver Laxe.
As proxeccións desta sección oficial terán lugar no Teatro Principal. As nove películas, todas elas rodadas entre 2015 e 2016, encarnan "a heteroxeneidade e os graos de intertextualidade temática, estética e forma que caracterizan ao cinema contemporáneo máis destacado e prometedor", segundo a organización.
A Edición 02 de Novos Cinemas proxectará, nas súas diferentes seccións, un total de 40 películas procedentes de España, Arxentina, Francia, Estados Unidos, Portugal, Bulgaria, Italia ou Líbano.
Unha das grandes novidades será a sección Latexos, que segundo Ángel Santos estará composta por catro películas que representan un cinema "aínda máis oculto e cunha factura fráxil pero moi potente, vinculado a un cinema diario e en primeira persoa".
Trátase de Borra todo lo que dije del amor pues no sabía bien quién era da arxentina Guillermina Pico, Piedra y pájaro, unha coprodución española, alemá e libanesa do colectivo Volga, Una vez fuimos salvajes da pontevedresa Carmen Belas e Comienza y termina, película hispano chilena de Bruno Delgado que se verá en primicia mundial en Pontevedra.
Poderanse ver en sesión matinal no Sexto Edificio do Museo, espazo que se incorpora este ano ao festival.
A sección Retrospectiva, que proxectará seis películas do arxentino Matías Piñeiro; a sección Baixo as estrelas, na que se poderá ver o filme español María (y los demás); ou a emisión do clásico Badlands (Malas terras) de Terrence Malick -acompañada dunha clase maxistral do crítico Carlos Losilla- son outras das ofertas do festival.
Ademais, Novos Cinemas mantén a súa vertente formativa. Non só polo obradoiro Correntes, que impartiu Oliver Laxe a dez alumnos do campus, senón tamén por Cinema en curso, que inclúe cinco películas realizadas por estudantes de primaria e secundaria e a proxección de Ma vie de Courgette (A vida de Cabaciña), película animada do francés Claude Barras.
A eles uniranse, entre outras actividades, un obradoiro de solarigrafía impartido por Diego López Calvín e Otto Roca ou as xornadas #LAB, que buscan favorecer o desenvolvemento de proxectos de cineastas en cernes.
Relacionadas:
-
Máis de 2.500 persoas asistiron ás proxeccións do festival Novos Cinemas
Por Redacción |
-
36 leccións de cinema e moitos latexos na pantalla grande
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
RADIO.- Matías Piñeiro, en Novos Cinemas: "O diñeiro no cinema é moi perigoso. Nunca vén só"
Por Alejandro Espiño |
-
Matías Piñeiro preside no Principal a inauguración da Edición 02 de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Este martes inaugúrase a Edición 02 de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
O cineasta arxentino Matías Piñeiro protagonizará a sección retrospectiva de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño |
-
A segunda edición de Novos Cinemas ofrecerá a proxección ao aire libre de 'María (y los demás)'
Por Redacción |
-
Oliver Laxe: "Nunca tivera acceso á arte nin ao cinema feito con alma. Tíveno en Pontevedra"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Novos Cinemas aposta por un ambicioso proxecto formativo para a segunda edición do festival
Por Alejandro Espiño |