Rosendo, "loco por incordiar" no seu concerto das festas de San Roque 2017
Por Anxo Lourido
Rosendo Mercado, o histórico rockeiro líder no seu momento de formacións como Ñu e Leño, será a estrela musical das próximas festas de San Roque, en Vilagarcía de Arousa.
O veterano roqueiro subirá ao escenario da Xunqueira o luns 14 de agosto ás 23.00 horas nun concerto gratuíto, como o resto de espectáculos que o Concello ten previsto programar con motivo destas festas. Rosendo presentará o seu novo disco 'De escalde y trinchera', ademais de temas clásicos como 'Loco por incordiar', 'Flojos de pantalón' ou 'Agradecido'.
Segundo o goberno local, o programa que está a elaborar a concellería de Cultura, que dirixe Sonia Outón, atópase moi avanzado e, en próximas datas, iranse conociento o resto de artistas que participarán nestas datas. Está previsto combinar diferentes estilos musicais para satisfacer a un maior número de público.
Está previsto que o día de celebración da Festa da Auga actúe Roi Casal co seu grupo dentro da súa xira 'Son galego, son cubano'. Será o xoves 17 a partir das 23.00 horas. O espectáculo foi elaborado en colaboración de Neira Vilas antes do falecemento do insigne escritor en novembro de 2015 e esta xira é unha homenaxe ao autor de 'Memorias dun neno labrego'.
A concellería de Cultura espera nos próximos días presentar dous concertos máis que completen o cartel para as festas maiores de Vilagarcía.