Doan un cadro de Gabino Rey ao Museo Manuel Torres de Marín
Por Redacción
O Concello de Marín manifestou a súa gratitude á decisión de Miguel Vera Salas de doar unha das obras de Gabino Rey ao municipio de Marín, lugar de nacemento do artista.
Miguel Vera mantiña unha longa amizade co pintor e garda unha colección na súa casa de Cataluña máis de 23 obras de Gabino Rey, que manifestara que o lugar máis adecuado para legar o retrato de Abelardo Vera i Martínez, pai do doante, era o Museo Municipal Manuel Torres, de Marín. Trátase dunha obra de óleo sobre tea, que data do ano 1974.
Gabino Victorio Segundo Rey Santiago, artisticamente coñecido como Gabino, falecía o 30 de abril de 2006 en Barcelona e conta cunha dilatada traxectoria artística. No ano 1993, con motivo do seu nomeamento de pregoeiro das festas de verán en Marín, organizouse, a través da Sala Parés, unha exposición na que se mostraron mariñas con matices propios do Mediterráneo, ademais de bodegóns e retratos.