O IKEA do alumnado da República independente de Belas Artes
Por Oskar Viéitez
Empregando taboleiros e listóns de madeira, o alumnado de Belas Artes traballou nestes días na construción duns tallos, cadeiras e dunha mesa para o patio central da facultade, no marco dun obradoiro dirixido a achegar aos estudantes aos procesos de autoconstrución.
Os participantes no taller non só se encargaron da construción das pezas, senón tamén de definir que prototipos se ían desenvolver nun proxecto que abrangue tamén a difusión duns planos que, a modo de instrucións de montaxe, posibiliten que nun futuro calquera estudante do centro poida construír novas pezas para este espazo.
"A idea é crear unha especie de arquivo do mobiliario do patio, para ir xerando máis mobles, mesmo ampliando o deseño orixinal", salienta o investigador do centro Román Corbato, coordinador xunto con Eduardo Outeiro, dun taller que este mércores centraba a súa cuarta e última sesión na construción dos primeiros prototipos.
Concretamente, de dous modelos de tallo, unhas cadeiras que se acoplan ás gradas laterais do patio e unha mesa con dous espazos de traballo diferenciados. "Empregamos por unha banda un taboleiro dunha mesa antiga de comedor e por outra listóns de madeira e así dividímola en dúas zonas, unha de lectura, debuxo ou para estar co ordenador e outra para traballos máis manuais", explica no Diario da Universidad de Vigo.