Teatro escolar e música tradicional, propostas para este Venres do Ateneo
Por Redacción
A obra 'A coleccionista de sombras' é a representación teatral que se poderá ver con motivo dos 'Venres do Ateneo' este 9 de xuño. Está elaborada polo Equipo de Dinamización Lingüística do IES Mestre Landín de Marín, dirixido polas profesoras Susana Arizaga e Casilda Besteiro. Será ás 19.30 horas no Salón de Actos da Biblioteca Pública Municipal Vidal Pazos, con entrada libre.
A historia recrea as aventuras dun coleccionista de sombras que perde a de cor verde e necesitará da intervención doutros personaxes para recuperala con situacións cómicas e humorísticas.
Tras esta actuación, ás 21.00 horas, o gaiteiro Felipe Rea, acompañado á guitarra por Miguel Alfonso ofrecerán un concerto de música tradicional galega. A proposta forma parte do ciclo Pontegal e os socios do Ateneo que queiran acudir terán que achegar unha doazón dun euro, mentres que os non socios deberán abonar dous euros. Ofrecerán un recital con pezas recuperadas da Danza de Espadas do Cantodarea e das Marchas Procesionais de Marín, ademais ofreceranse temas do folclore doutros países.