O Surfing the Lérez retorna á Casa das Campás para unir música e cine
Por Redacción
O festival Surfing the Lérez, que se celebra na Illa das Esculturas o 17 de xuño, traerá unha serie de actividades previas, entre outras, haberá dúas tardes de cine na Casa das Campás, con entrada libre ata completar aforo.
Son dous filmes "relacionados coa historia da música popular", como salienta o programador Suso Novás no DUVI.
"Este é o terceiro ano que a universidade colabora co Surfing the Lérez e faino ofertando unha actividade cultural que poida complementar a oferta que desenvolve o festival", engade o coordinador deste ciclo de proxeccións que se desenvolverá os días 8 e 13 de xuño ás 19.30 horas e nas que as películas serán presentados polo propio Novás.
A primeira sesión, que terá lugar o vindeiro xoves permitirá coñecer 24 Hour Party People, de Michael Winterbottom, un filme que afonda "na orixe do son Manchester" e no nacemento de Factory Records a través da figura do seu fundador, Tony Wilson. Trátase dunha "suxerinte e imaxinativa longametraxe", como sinala Novás, que permitirá achegarse aos inicios de bandas como Joy Division, New Order ou Happy Mondays.
Unha semana despois, o xoves 13, o ciclo completarase coa proxección de The Rocky Horror Picture Show, un filme de 1975, dirixido por Jim Sharman e inspirado no musical de Richard O´Brien do mesmo nome.
Segundo salienta Novás, trátase dunha "extravagante mestura de arquetipos argumentais inherentes aos filmes de terror da serie B estadounidense, correntes estéticas que denotan postulados vitais a contracorrente e a música que caracterizou e definiu a cultura de masas dos anos 50 e 60", que foi cualificada como "cultural, histórica e esteticamente significativa" pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos.
Relacionadas:
-
Bautismo festivaleiro a beiras do Lérez para os máis pequenos de cada casa
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Prepara a túa axenda: xa hai horarios para os concertos de Surfing the Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
O festival Surfing The Lérez medra prestando atención especial aos máis cativos
Por Anxo Lourido |