O Pazo Provincial da Deputación vai converterse en pasarela de traxes tradicionais galegos
Por Redacción
O edificio da Deputación en Montero Ríos converterase nun espazo para o desfile de traxe tradicional que se celebra en Galicia. Esta iniciativa celebrarase o 10 de xuño ás 21.30 horas grazas á Asociación Etnográfica Sete Espadelas.
A proposta, presentada este xoves na Deputación Provincial, conta co apoio da Deputación e do Concello de Pontevedra. Consistirá nunha mostra de preto de 50 traxes tradicionais, adornados con máis de 700 pezas, que serán vestidos por 45 modelos con corpos axeitados para estas roupas de hai máis dun século que, segundo explicaron José Luis Rodríguez e David Quiñones, de Sete Espadelas, daquela os corpos eran máis pequenos e cunha constitución máis débil que a actual. Estes modelos realizarán un percorrido a través dunha plataforma elevada desde a escaleira interior do Pazo ata a escalinata exterior que sae cara á Alameda.
Os traxes serán explicados polos membros da asociación de maneira didáctica coa intención de que os espectadores se acheguen ás pezas e comproben os detalles destes traxes, entre os que se atopan elementos propios de distintas clases sociais dos séculos XVIII e XIX, o período de máis relevancia do traxe tradicional galego. Entre as pezas poderanse ver traxes domingueros de Carballedo, Abadín ou Vilasantar, ademais de traxes decotío da Pastoriza, A Limia ou Pontedeume. Tamén se mostrarán traxes de garda ou de cerimonia de Betanzos, Carballiño, Leiro ou Santiago.
Este traballo de recuperación realizouse a través de museos, de coleccións particulares e de préstamos de pezas soltas. A maioría dos traxes pertencen a Espadela, que conta cunha colección de 60 traxes. Algúns deles, que teñen máis de século e medio de existencia e que non poden recibir a luz do sol serán exhibidos nesta pasarela.
Está previsto que se instalen 320 butacas para o público, ademais de dúas grandes pantallas. A entrada será libre.
Relacionadas:
-
O liño e o seu papel na indumentaria tradicional
Por Redacción |
-
Sete Espadelas obtén cinco premios no Certame do traxe tradicional galego en Compostela
Por Redacción |
-
A tradición téxtil galega vinculada ao liño amósase na Casa da Luz ata o 6 de agosto
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O traxe tradicional galego loce na pasarela da Deputación Provincial
Por Diego Torrado |