A terceira edición do "Curtas Armadiña" triplica a contía dos premios
Por Redacción
Entre os días 13 e 19 de novembro de 2017 celebrarase a terceira edición do Curtas Armadiña, festival audiovisual organizado pola Asociación Cultural, Deportiva e Medioambiental homónima de Combarro. As proxeccións, como xa é costume, terán lugar no poiense Casal de Ferreirós.
Este ano, o festival estará composto por catro seccións: Sección Oficial, Sección Medioambiental, Sección Animación e Sección Videoclip. A contía dos premios triplícase con respecto á doutros anos e os gañadores das seccións mencionadas recibirán, respectivamente, 1.000 euros e unha áncora de ouro, 500 euros e unha áncora de prata, 500 euros e unha áncora especial e 300 euros e unha áncora acreditativa.
As curtas terán que estar nunha lingua oficial da Península Ibérica e subtituladas obrigatoriamente en galego ou en castelán como medida de integración da comunidade xorda, a quen se lle facilitará a participación nesta edición. Ademais, cada sección contará cun xurado específico.
Outra das novidades da edición deste ano será a entrega do premio Áncora de Honra, un galardón simbólico que se lle concederá a un persoeiro do ámbito audiovisual cuxa traxectoria debe ser honrada, visibilizada e valorizada.
O festival estará patrocinado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio. O prazo para a presentación de orixinais abrirase este xoves 1 de xuño e permanecerá aberto ata o 1 de agosto a través das plataformas web www.festhome.com e www.filmfreeway.com, onde se poden atopar as bases completas, así como tamén na páxina oficial do certame www.curtas.armadinha.gal.