Antonio Resines comparte o seu libro de memorias co público pontevedrés
Por Redacción & Mónica Patxot
O actor Antonio Resines presentou en Pontevedra o seu libro de memorias, titulado Pa'habernos matao. Memorias de un calvo. Foi este martes na librería Cronopios, un establecemento que quedou pequeno para recibir o seu ilustre convidado.
Resines, un dos grandes actores da escena española, emocionou e divertiu ao público, a partes iguais, relatando unha infinidade de anécdotas e vivencias que recolle neste libro.
En Pa' habernos matao o famoso actor rememora a súa vida e as súas películas, á vez que fai un ameno e entrañable percorrido pola historia recente do noso país.
Trátase dun libro cheo de anécdotas -algunhas divertidas, outras cáusticas e outras moi reveladoras- por cuxas páxinas desfila un nutrido elenco de personaxes -Fernando Trueba, José Luis Corda, Jorge Sanz, Fernando Colomo, entre outros- e momentos clave das últimas décadas.
Desde a súa aterraxe no cinema, como o mesmo recoñece "sen querer", en 1978, pasaron case corenta anos e 139 papeis en diferentes películas, curtas e series de televisión, que tamén teñen a súa guía dentro do libro.
Tras a presentación, Antonio Resines asinou exemplares do libro a todos os pontevedreses que se achegaron para coñecelo un pouco máis de preto.