A obra do pintor Santiago Piñel chega ao centro cultural e Payasolandia ao pavillón
Por Redacción
O centro cultural de Ponte Caldelas inaugura este venres a exposición do pintor de Salamanca asentado en Pontevedra Santiago Piñel, coñecido artisticamente como Lenny.
As súas últimas exposicións realizáronse no Casino Mercantil de Pontevedra -baixo o título Vanty- e na sala de arte Tándem Art Gallery, de Barcelona.
A exposición recolle os seus últimos traballos e algúns que marcan a traxectoria deste artista, que vive en Pontevedra dende hai anos e se define como un músico con alma de pintor.
A pintura é a actividade na que centra toda a súa creatividade. Durante anos utilizou o óleo, pero chegou ao guache buscando a inspiración que o resto de técnicas non lle permitían expresar.
Nos seus últimos traballos atopa tamén a ocasión de mesturar as súas pinceladas co acrílico.
PAYASOLANDIA NO PAVILLÓN
O pavillón de Ponte Caldelas acollerá tamén este venres o espectáculo para todos os públicos 'Payasolandia'. O despacho de billetes abrirá media hora antes, a un prezo de 9 euros a entrada. Os menores de 2 anos teñen acceso libre. O Concello cede as instalacións a cambio dunha rebaixa na entrada.
'Payasolandia' dura preto de hora e media e está a cargo de tres actores procedentes do mundo do circo, con varias décadas de experiencia ás súas costas. A compañía xira habitualmente por toda España e hai máis dunha década que non paraba na localidade.