Los Mambo Jambo, The Limboos e Familia Caamagno estarán no II Marín Vivo
Por Redacción
O parque Eguren acollerá o venres 28 de xullo, a partir das 22.30 horas, a segunda edición do festival Marin Vivo, segundo desvelou este martes o Concello.
O cabeza de cartel deste ano Los Mambo Jambo, un grupo de Barcelona que presentará o seu último traballo, Jambology, con temas cheos de acción, baile e o peculiar exotismo propio do universo da banda. Veñen de actuar en escenarios de toda Europa, recordaron desde a organización, e tamén de México.
Estarán acompañados dos galegos The Limboos e Familia Caamagno.
The Limboos presentarán o seu segundo disco, Limbootica, despois de revolucionar os escenarios de media Europa co seu estilo entre a exótica e o rythm and blues, no que tamén mesturan influencias da música swing ou gospel.
Familia Caamagno amosarán, pola súa banda, o seu estilo garage-rock cantado en galego. Ofrecerán grandes versións de clásicos do rock e temas propios que farán saltar os asistentes.
O Marín Vivo é un festival gratuíto co que o Concello de Marín quere ofertar música en directo fóra da liña máis comercial, dando así, cabida a outros estilos para a xente nova e non tan nova.
Despois do éxito do ano pasado, no que actuaron Novedades Carminha, Thee Blind Crows e The Pretty Shirts, esta segunda edición espera ter unha máis que calurosa acollida por parte do público chegado de Marín e dos concellos dos arredores.