Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán celebran en Pontevedra os seus quince anos como dúo cómico
Por Redacción
O dúo cómico formado por Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán volve aos teatros co espectáculo Agora en serio, unha peza que fai un percorrido pola súa traxectoria profesional para celebrar os seus quince anos como dúo humorístico.
Agora en serio poderá verse este venres 19 de maio, a partir das nove da noite, no auditorio da sede Afundación de Pontevedra.
Como dúo, Pereiro e Touriñán crearon personaxes que desde os escenarios e a pequena pantalla foron capaces de volverse inesquecibles: dúas irmás dispostas a contar todas as anécdotas da súa aldea, un par de cociñeiros con formas moi diferentes de entender o seu oficio ou dous amigos que pasan demasiado tempo xuntos.
Todos eles son os protagonistas dun espectáculo inédito, dirixido por Evaristo Calvo e escrito por Manolo Cortés, no que Pereiro e Touriñán pretenden facer un singular percorrido por quince anos de humor.
As entradas están dispoñibles na web de Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.