Maryland e Señores, xuntos este venres na Sala Karma
Por Redacción
Dúas bandas subirán este venres 19 de maio, a partir das dez da noite, ao escenario da Sala Karma de Pontevedra. Trátase de Maryland e Señores, que unen as súas forzas para ofrecer un concerto que promete ser inesquecible.
Ano e medio despois de poñer fin á xira do seu anterior traballo Los años muertos, Maryland regresaba aos escenarios a finais do pasado mes de abril cunha primeira data que rozou o cheo na Sala Son en Cangas.
En Pontevedra a banda viguesa ofrecerá temas novos e non tan novos. Será a antesala perfecta para o novo disco que verá a luz o próximo outono.
Señores chegan a terras galegas co seu segundo disco, La luz. O cuarteto vasco combina trazos do indie-rock, o punk e o hardcore para materializarse en partituras que son pura fibra. Nalgunhas cancións soan máis pop que nunca. E noutras resultan máis abrasivos, tensos e esquinados que de costume.
Tras pasar por varias cidades e un bo puñado de festivais estatais traerán un repertorio ben pechado para unha noite próxima que, de xeito evidente, será especial.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 8 euros por anticipado e 10 na billeteira, pódense adquirir en Bullit Store, El Pequeño e en Entradium.