Estudantes de Belas Artes apúntanse á banda deseñada
Por Redacción
Luna Vicente, Noemí Comesaña e Antón Yáñez son os tres coordinadores dunha actividade que se desenvolveu na Facultade de Belas Artes de Pontevedra desde principios de curso co obxectivo de relacionar a outros estudantes universitarios co mundo do cómic.
Cada semana, un grupo de ao redor de 14 estudantes, segundo publica Eduardo Muñiz no DUVI, viñéronse reunindo para profundar no mundo do cómic, a través dun club que atoparon nas viñetas unha actividade extraacadémica.
A partir desta iniciativa, os participantes desenvolveron viñetas e proxectos conxuntos participando en mercadiños que se realizaron no centro coas súas creacións e comezaron a traballar na súa primeira pbulicación, un fanzine que reúne unha serie de historias creadas en grupo.
A idea inicial era crear un mundo e dous personaxes, a partir dunha especie de bingo, para que todos os integrantes do club do cómic puidesen participar e elaborar historias que contasen cos mesmos elementos comúns.
Con esta dinámica creáronse varios cómics curtos de diferentes estilos, que se verán reflectidos no fanzine. Queren trasladar este traballo para participar como expositores en Expotaku, a feira dedicada á animación xaponesa e ao cómic na Coruña.