O FICBUEU proxectará un cento de curtas no seu décimo aniversario
Por Redacción
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu ofrecerá entre o 9 e o 17 de setembro a programación máis ampla dos seus dez anos de andaina, ao proxectar arredor de cen filmes entre os que entran en competición e os que se amosarán noutros espazos.
Este luns déronse a coñecer os 25 títulos que concorren á sección oficial, mentres que ao longo da semana se irán desvelando a través das redes sociais as obras que integran as seccións paralelas.
Vinte países estarán representados nesta sección oficial, entre os que volve destacar Francia con dez producións ou coproducións, xa que os filmes galos tamén supoñían a maioría das 1.960 curtas presentadas este ano ao FICBueu. Italia e Reino Unido participan en tres títulos cada un, seguidos de Austria e Suíza con dous. Canda as obras europeas, tamén participarán países dos demais continentes coma Estados Unidos, Australia, Tunisia ou Nepal.
O FICBueu 2017 contará asemade con outras dez seccións: Galicia, España, Latinoamérica, Panorama, Comedia, Animación, Familiar, Infantil, Xuvenil e Irmandade. A estas hai que sumarlles as curtametraxes seleccionadas na convocatoria para colexios e institutos galegos, dunha banda, e para escolas de formación cinematográfica, por outra, que teñen aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 1 de xuño. No transcurso do festival tamén se presentará 'Megalópole', traballo realizado por mozos con discapacidade da Asociación Juan XXIII.
Estarán representados uns corenta países, dos 92 que concorreron ao certame, entre eles algúns dos considerados "emerxentes " por ser incipiente aínda a súa produción cinematográfica, como Bosnia ou Dinamarca.
No entanto, o programa completarase cunha morea de actividades paralelas, que van desde as conferencias e obradoiros ata encontros con persoeiros do mundo do cine, pasando pola gastronomía, natureza, lecer, entre outras.
O FICBueu 2017 ten confirmado nestes intres o apoio do Concello de Bueu e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, mentres se atopa á espera de que se resolvan as axudas da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O programa radiofónico Carne Cruda, en directo na xornada de clausura do FICBUEU
Por Redacción |
-
O Premio Cinema Galego en el FICBUEU deste ano será para Morris
Por Redacción |
-
O deseñador suízo Marc Taeger cambia a cara do FIC Bueu polo décimo aniversario
Por Redacción |
-
Sete festivais audiovisuais de Pontevedra reciben 80.000 euros da Deputación
Por Redacción |
-
O FICBUEU aposta por promover a difusión do cinema para todos os públicos
Por Redacción |
-
O amor ao cinema, cultivado desde o cole
Por Redacción |