Portas abertas nas salas de reserva e nos obradoiros de restauración no Día Internacional dos Museos
Por Redacción
Con motivo do Día internacional dos Museos, o vindeiro xoves 18 de maio, o Museo de Pontevedra permitirá visitar as salas de reserva e os obradoiros de restauración. Van organizar tres visitas e en cada unha poderán participar un máximo de 10 persoas. Para participar é necesario inscribirse previamente a través do gabinete didáctico ou co correo gabinetedidactico.museo@depo.es. Tamén é posible apuntarse no teléfono 986 804.100 en horario de 08.00 a 14.30 horas, de luns a venres.
As visitas ao longo do xoves celebraranse ás 10.00, 11.00 e 12.00 horas. A iniciativa ten como obxectivo permitir ao público en xeral acceder a zonas de traballo e almacén que habitualmente non se mostran, á vez que ofrece a posibilidade de coñecer con detalle o labor técnico do equipo de restauración. O percorrido, ademais do obradoiro de restauración, inclúe unha visita ás denominadas Salas de reserva, trátase de zonas onde permanecen custodiadas as obras que non están na exposición permanente pero que ocasionalmente saen para mostras temporais.
Ese xoves 18 tamén inclúe un concerto de música de improvisación libre, a cargo de Músicos do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, que levará a cabo ás 20.00 horas e a entrada será libre ata completar o aforamento.
O sábado 20 de maio, desenvolverase a Noite dos Museos, e estudantes e profesores da Escola de Arte Dramática de Galicia levarán a cabo un espectáculo escénico baixo o título 'Xeometrías en fuga', en relación coa obra de Luís Caruncho. Os dous pases que se ofrecerán serán ás 19.30 e ás 21.30 horas, con entrada libre.