Ana Cabaleiro abre un ciclo de vermús literarios para achegar a literatura aos veciños de Combarro
Por Redacción
A xornalista e escritoria Ana Cabaleiro abrirá este sábado 13 de maio a iniciativa 'Un ronsel de historias', posta en marcha pola asociación Armadiña de Combarro, que consiste na celebración de catro vermús literarios para achegar a literatura á cidadanía no mes da lingua.
O encontro deste sábado está previsto para as 12.00 horas. Se as condicións meteorolóxicas o permiten, terá lugar na praia do Padrón e, en caso de mal tempo, trasladarase á Escola do Campo.
Ana Cabaleiro presentará o seu conxunto de relatos Sapos e sereas, publicado por Galaxia a comezos deste ano e que está a resultar exitoso. Estará acompañada pola editora Malores Villanueva.
A iniciativa continuará o sábado 20 de maio, á mesma hora e no mesmo lugar, coa escritora Iria Collazo López, que presentará o seu segundo libro, A soidade das medusas, editado por Galaxia. Acompañarana a ilustradora Luz Beloso e o director da editorial, Francisco Castro.
O sábado 27 de maio, a poeta Míriam Ferradáns conversará coa escritora de Combarro Tamara Andrés sobre os seus poemarios Deshabitar unha casa e Dos nomes do fume, cos que gañou os premios Francisco Añón e Xosemaría Pérez Parallé.
O último vermú terá lugar o venres 3 de xuño ás 19.30 horas. O protagonista será o escritor ferrolán Xesús Constela, considerado desde hai tempo unha referencia literaria en Poio. Estará acompañado por Tamara Andrés.