A cabeza de Roberto Vilar "non para" e chegará en xuño a Pontevedra e Vilagarcía
Por Alejandro Espiño
"A cabeza non para" era a frase máis popular do programa Land Rober da TVG. Agora, anos despois Roberto Vilar volve facer uso dela como título do seu novo espectáculo teatral. Un show de humor co que por primeira vez o humorista e presentador lucense percorre os teatros galegos. E como non, Pontevedra e Vilagarcía (1 de xuño e 8 de xuño, respectivamente) foron incluídas na súa xira.
Con este espectáculo, Roberto Vilar, por primeira vez nos seus vinte anos de carreira profesional, acepta o reto de levar o seu humor aos teatros. Faino cun show de mediano formato, uns cen minutos de duración, baseado en sketchs interpretados polos seus personaxes máis coñecidos. Trátase dun espectáculo único con grandes doses de improvisación e interacción co público no que calquera se pode converter en protagonista.
En A cabeza non para, Roberto Vilar non estará só sobre o escenario. Acompáñano os actores Roberto Gómez e Juan Ramón que lle axudarán a retomar personaxes tan carismáticos como o popular Felipe II de Histerias de Hospital. A eles súmase a colaboración de Manolito el Pescador, o coñecido cantante de copla galego que se atreve cos xéneros musicais máis arriscados en fala inglesa a través dos seus famosos test musicais.
As entradas para a representación de A cabeza non para no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra teñen un prezo de 18 euros, mentres que se reduce a 16 euros no caso do Auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa. Ambas se poden adquirir a través de www.servinova.com.