'Unha ponte de cor entre o Deza e o Umia', nova exposición do colectivo artístico Vista Leda
Por Redacción
O colectivo Vista Leda, integrado actualmente polos artistas Dosinda Alonso Pájaro, Teresa Caramés, Dolores Sangiao, Juan Liñares e Carolina Cabaleiro, expón unha mostra de pintura no balneario Termas de Cuntis, titulada 'Unha ponte de cor entre o Deza e o Umia'.
A exposición vai manterse aberta ao público ata o vindeiro 1 de xuño e poderase visitar todos os días en horario de 9:00 a 23:00 horas.
Esta mostra está composta por 25 pinturas de temática heteroxénea, creadas con técnicas diversas como o óleo sobre lenzo, acrílico sobre lenzo ou debuxos de plumiña con toques de tinta china ou acuarela.
O colectivo trae a súa obra ata Cuntis para amosarlle ao público destas terras bañadas polo río Umia unha pequena mostra do que se fai no eido artístico na comarca surcada polo río Deza, convertindo a exposición nunha ponte que se tende entre estes dous ríos lendarios do interior de Galicia.
Vista Leda está composto por un grupo de persoas que teñen en común a súa paixón polas artes plásticas, en especial polo debuxo e a pintura.