Surfing The Lérez triunfa nos Premios Galegos da Música como mellor festival
Por Alejandro Espiño
O Surfing The Lérez está de parabéns. O festival, que se celebra en Pontevedra desde hai seis anos, vén de triunfar na cuarta edición dos Premios Galegos da Música. Foi escollido como o mellor festival do ano. Os seus organizadores recibiron o premio nunha gala celebrada este mércores no Pazo da Cultura da cidade do Lérez.
O festival pontevedrés superou na terna final aos outros dous nomeados, o Nigranjazz e o Festival de Pardiñas.
Non foi o único premiado de Pontevedra. O músico marinense Davide Salvado tamén foi recoñecido como o mellor artista de música tradicional galega polo seu disco Lobos. É a segunda vez que recibe un dos Premios Galegos da Música.
O resto dos premiados foron:
- Pop e indie: Os Amigos dos Músicos
- Rock: Agoraphobia
- Jazz e músicas improvisadas: Iago Fernández
- Hip hop e músicas urbanas: Maladrómeda
- Clásica e contemporánea: Alberto Vilas
- Folk: Vaamonde, Lamas e Romero
- Músicas do mundo: Talabarte
- Música infantil: María Fumaça – Aire!
- Música electrónica: Pálida
- Metal: Aphonnic
- Reggae, ska e mestizaxe: O Sonoro Maxín
- Orquestras e música de verbena: Áureas en Voga
- Blues, funk e soul: VooDoo
- Canción de autor: Sonia Lebedynski
- Coros e grupos vocais: Ejazz
- Salas: A Pousada das Ánimas
- Espazos de comunicación musical: ZigZag-TVG
Todos eles levaron a casa os Melómanos e Melómanas, a imaxe dos premios, figuras creadas polo escultor e músico Víctor Lorenzo a golpe de motoserra.
O premio honorífico foi para a musicóloga suíza Dorothé Schubarth, polas súas novidosas achegas metodolóxicas na recollida e compilación de cantos populares de 38 zonas xeográficas de Galicia e limítrofes reunidos no Cancioneiro Tradicional Galego e pola a súa xenerosidade ao ceder todo este material ao Arquivo Sonoro de Galicia para a súa consulta pública.
Centos de persoas participaron na gala dos Premios Galegos da Música, celebrada un ano máis en Pontevedra e presentada pola compañía de teatro A Panadaría.
O espectáculo estaba artellado cun obxectivo claro: reivindicar o papel da muller no mundo da música. Metidas na pel de As Pataconas -un trío musical concibido como unha parodia enxebre das célebres The Supremes- as actrices recrearon un argumento condutor no que, ademais de estar nomeadas aos premios, debían preparar unha cea de luxo para recibir aos premiados.
Sobre un escenario de veludo vermello e pan de ouro e con esta historia como punto de partida, As Pataconas interpretaron diversas escenas cómicas e números musicais alusivos á gastronomía musical galega con sátiras sobre temas de actualidade e parodias a diferentes artistas do noso panorama.
A gala tivo como pratos principais as actuacións dalgúns dos proxectos gañadores da pasada edición como Toño Domínguez da Orquestra de Jazz de Galicia, Silvia Penide, Nastasia Zürcher ou Silvia Cerneira da Banda da Balbina.
Os Premios Galegos da Música demostraron con máis forza ca nunca que é a gran cita anual da música galega: o momento agardado para celebrar a cantidade, calidade e diversidade da nosa produción musical, pero tamén para lembrar as reivindicacións do sector.
Relacionadas:
-
Bautismo festivaleiro a beiras do Lérez para os máis pequenos de cada casa
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Prepara a túa axenda: xa hai horarios para os concertos de Surfing the Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
O festival Surfing The Lérez medra prestando atención especial aos máis cativos
Por Anxo Lourido |
-
Surfing the Lérez xa ten cartel: Lucy and the Rats, Los Deltonos, Bala, Pájaro, Malandrómeda e moitos máis
Por Alejandro Espiño |
-
Surfing the Lérez, nomeado como mellor festival aos Premios Galegos da Música
Por Alejandro Espiño |
-
A sétima edición do festival Surfing the Lérez xa ten data: o sábado 17 de xuño
Por Alejandro Espiño |