Marta Hazas: "En '5 y acción' temos un seguro de risa. Non é broma. Se non ris devolvémosche os cartos"
Por Alejandro Espiño
Marisol soña con converterse en actriz. E Adolfo decide cumprir o soño da súa noiva. Para iso contrata os servizos dun mediocre aspirante a director de cinema. Pero todos ocultan algo, todos queren algo do outro e ninguén se fía de ninguén. É o punto de partida de 5 y acción, a obra protagonizada por Marta Hazas, Carlos Sobera e Javier Veiga.
O público pontevedrés poderá gozar desta divertida comedia este domingo 7 de maio, ás 20.00 horas, dentro do ciclo Summum Teatro.
Marta Hazas (Santander, 1977), coa que falamos nesta entrevista, é aos seus 39 anos una das actrices máis populares da pequena pantalla. Triunfou con series como El internado ou Velvet. A pesar diso, asegura sentirse moi cómoda no teatro e facendo un xénero, a comedia, na que moitos non estamos afeitos a vela.
Contenta por regresar a Pontevedra?
É un luxo. Cada vez que nos sae xira por Galicia é como ben!, co ben que se come (ri). É case como volver a casa -está casada con Javier Veiga, natural do Grove-. Ademais, xa estreei aquí varias funcións como Amigos hasta la muerte ou El mercader de Venecia.
Que tal te recibiu sempre o público?
A verdade é que o público do norte gústame moito e cada vez que vin aquí tratáronme moi ben. Estás moi a gusto cando ves que a xente é un bo espectador de teatro. Pontevedra é unha desas prazas ás que dá moito gusto vir. A resposta do público, polo menos comigo, sempre foi incrible.
O teu personaxe é o de Marisol, unha aspirante a actriz. Sénteste identificada con ela?
Afortunadamente non teño moitos paralelismos con este personaxe. Cando vexas a función entenderán por que che digo isto. Inspireime en personaxes xa construídos en Balas sobre Broadway ou Melanie Griffith en Armas de mujer, esas louras que ao principio parecen un pouco parvas, pero ao final son elas as que conseguen os seus obxectivos e as súas metas. Nese sentido, Marisol é un personaxe que quere ser actriz, pero non é o que mellor se lle dá do mundo e iso pon en situacións moi comprometidas tanto á axuda que recibe do seu noivo, que é dono dunha canle de televisión, como do director da película.
A pesar de ser unha comedia, a obra pon o foco nun tema serio: os intereses que move este negocio...
É un pouco desenterrar as miserias que temos todos. Desde o aspirante a actor ao director de 40 anos que se cre que é director de éxito porque dirixiu dúas cousiñas en plan amateur. Está moi ben a guerra de egos que se expón, é moi divertida de ver porque é trasladable a calquera profesión. Seguro que moitos se sentirán identificados. Ao final, é ver como a xente cambia os seus principios por un prezo.
Sénteste cómoda no rexistro que che permite a comedia?
Moi cómoda. É un gustazo facela no teatro porque tes a resposta directa do público, O día da estrea provócache máis nervios e medo, en plan a ver se non se van a reir, pero a medida que oes as risas, é un gustazo.
E ademais, estás acompañada dun elenco de primeira liña.
Si. É moi fácil facer comedia cando estás tan ben arroupado por compañeiros que entenden tan ben este xénero.
"É moi fácil facer comedia cando estás tan ben arroupado por compañeiros que entenden tan ben este xénero"
Como foi a orixe deste proxecto?
Todo empezou porque a Carlos, a Javi e a min ofrecéronnos facer unha obra de teatro xuntos, pero ao final houbo un problema cos dereitos de autor e non se puido facer. Entón, Carlos propuxo que montásemos algo xuntos. Estivemos a ler cousas, pero non atopabamos nada que nos gustase e ao final Javi dixo que o escribía el. Carlos apostou por isto, dixo que si á función sen lela e con ela case inaugura o seu teatro. Foi un acto de xenerosidade pola súa banda e alégrome porque puidésemos demostrar que non se equivocou.
E o feito de traballar de xeito conxunto co teu marido é fácil ou engade presión?
Case que ningunha das cousas. Se tivese que decantarme por unha, diría que é máis fácil porque te coñeces moi ben. Nós coñecémonos traballando, polo que xa temos ese rol moi adquirido e non te expós nada máis.
Ademais desta obra de teatro, verémoste moi pronto en Velvet Colección. Como foi retomar este proxecto despois de finalizar a serie principal?
Eu pechara o personaxe e despedíame de Clara. Pero Movistar Plus comprou a serie porque tiña interese en ter unha serie máis feminina nas súas canles e a verdade é que nos daba moita pena a todos, o produtora Bambú incluída, terminar unha serie con máis de 4 millóns de espectadores. Era raro pechar o chiriguito dunha cousa que fora tan ben. Os personaxes secundarios creceran moito e había moitas tramas por contar. Todo iso, unido ás novas incorporacións como Imanol Arias, Mónica Cruz, Andrea Duro ou Marta Torné, de súpeto foi como arrancar unha serie nova con personaxes aos que lle tes agarimo e que coñeces ben.
E que máis proxectos ten Marta Hazas en carteira?
Seguirei con El Hormiguero e teño pendente de estrea unha comedia que rodei en México que se chama Te juro que yo no fui, que se estreará a finais de ano. Ademais, hai algún proxecto máis para televisión, pero como aínda se está fraguando na próxima entrevista cóntocho.
Xa para finalizar, como animarías ao público pontevedrés para que vaia a vervos o domingo?
Diríalles que é un planazo de domingo, que van saír de moi bo rollo da función. Que mellor que empezar así o luns. E diríalles que sempre que vin a Pontevedra foime moi ben co teatro, así que lles pido que non me rompan a estatística (ri).
Relacionadas:
-
Gabino Diego: "Temos un equipo fantástico en El intercambio, un all star da comedia"
Por Alejandro Espiño |
-
Carlos Sobera con '5 y Acción' enche o Pazo da Cultura de 'Summum Teatro'
Por Diego Torrado |
-
A Revolución Irmandiña arranca o ciclo Summum con "O poder do arcabuz"
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Carlos Sobera, Teté Delgado, Gabino Diego, Héctor Alterio e danza, protagonistas do ciclo Summum
Por Anxo Lourido |
-
O Pazo promete un 2017 "espectacular" para celebrar o seu vixésimo aniversario
Por Alejandro Espiño |