De Combarro a Pontevedra, en embarcación tradicional
Por Redacción
A última fin de semana de outubro vai retomarse a vía tradicional de comunicación de mercadorías entre Pontevedra e Poio hai máis dun século. A ría de Pontevedra será de novo o enlace entre os dous concellos veciños. Así vai desenvolverse unha iniciativa do Clube Mariño A Reiboa de Poio que pretende divulgar a importancia da vela tradicional galega. Así nestas xornadas, durante catro horas, será posible coñecer os tipos de embarcacións, de aparellos, a súa historia, os utensilios, as formas de navegar e o movemento colectivo que existe arredor destas embarcacións. Para iso haberá unha clase teórica e despois os participantes poderán navegar e cruzar a ría nunha dorna.
O prezo das actividades é de 12 euros e pode participar calquera persoa maior de 9 anos ou mesmo menores que saiban nadar. A data límite para inscribirse é o xoves 24 de outubro.