Rubén Ruibal, Premio Nacional de Literatura Dramática, explica os segredos da escritura a estudantes
Por Redacción
O IES de Ponte Caldelas celebraba este venres un encontro literario co dramaturgo Rubén Ruibal coa presenza de estudantes de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato. O acto, coordinado polo departamento de Lingua galega, contaba coa colaboración da Biblioteca e máis dos departamentos de Educación Plástica e Dinamización Lingüística co obxectivo de fometar a lectura e a creación literaria.
O coruñés Rubén Ruibal obtivo en 2007 o Premio Nacional de Literatura Dramática e dous anos antes o Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais coa súa obra 'Limpeza de sangue'. Tamén en 2011 obtiña o Premio María Casares ao mellor texto orixinal. Na actualidade atópase no medio dun proxecto para a gran pantalla, que se atopa en fase de pre-produción.
O alumnado do centro puido coñecer detalles sobre a creación artística, con aspectos concretos sobre como impulsar unha obra dramática e todo o proceso desde a elaboración do texto ata a representación sobre un escenario.
O dramaturgo, que ofrecía esta charla dentro do programa 'Encontros literarios cos Institutos de Secundaria', dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, recibía ao remate da súa exposición un gravado realizado polo departamento de Educación Plástica, que representa o petróglifo da Cova dás sombriñas, símbolo do instituto.