O FICBUEU aposta por promover a difusión do cinema para todos os públicos
Por Redacción
O director do Festival de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), Manuel Pena, mostraba este mércores a súa satisfacción polas actividades realizadas durante os últimos meses nos que se afianza o compromiso social da organización con diferentes colectivos sociais grazas á achega dunha entidade bancaria.
Na Casa das Campás fíxose un repaso ao balance das actividades realizadas ata agora con escolares hospitalizados, persoas con discapacidade intelectual e maiores usuarios de dous centros de día, ás que proximamente se unirá unha asociación de mulleres.
Estas propostas permiten dilatar a programación máis aló dos nove días que dura o festival e realizar actividades durante todo o ano cunha finalidade social, indicaba Manuel Pena.
Ignacio Cubero, membro do equipo de produción do FICBUEU, afirmaba que se seguirá traballando nas mesmas liñas coa proxección de películas cada mes na Unidade de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro, tamén se ofrecerán mensualmente curtas a persoas da terceira idade nos centros de día Pescadoira e Contigo, de Bueu, que lles permien entreterse e traballar habilidades cognitivas.
Tamén os usuarios do centro da Asociación Xoán XXIII en Cangas traballa na finalización da curtametraxe gravada nos últimos meses para estreala na vindeira edición do festival, tal e como expuxo a directora do centro Teresa Lagos, que entende que a experiencia mostra a utilidade do cinema como ferramenta de inclusión.
A estes colectivos sumarase tamén a asociación de diagnosticadas de cancro de mama (Adicam) de Cangas, que realizarán outra curtametraxe. Está previsto tamén que se desenvolva un novo obradoiro cinematográfico co alumnado do Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa.
Relacionadas:
-
O deseñador suízo Marc Taeger cambia a cara do FIC Bueu polo décimo aniversario
Por Redacción |
-
O FICBUEU proxectará un cento de curtas no seu décimo aniversario
Por Redacción |
-
Abre o prazo para que os centros educativos presenten curtas ao FICBUEU
Por Redacción |
-
O FICBUEU ampliará as seccións paralelas do festival no seu décimo aniversario
Por Redacción |