"O poder do arcabuz" recupera a revolta irmandiña para o inicio do ciclo Summum
Por Alejandro Espiño
A revolución irmandiña, a maior revolta europea do século XV, é o pano de fondo de O poder do arcabuz, o espectáculo co que arranca unha nova edición do ciclo Summum. Será este sábado 29 de abril, a partir das nove da noite, no Pazo da Cultura.
O poder do arcabuz é un espectáculo de gran formato con case cen artistas en escena. Segundo explicou o seu director, Quique Peón, únense sobre o escenario 35 bailaríns, 20 músicos e 40 persoas do coro para representar unha montaxe que combina a música coa danza tradicional galega e a danza contemporánea.
Na rolda de prensa de presentación, Peón explicou que este espectáculo é, ao mesmo tempo, unha proposta "tradicional e vangardista", un espectáculo "ambicioso" no que decidiu utilizar a historia dos irmandiños como "metáfora" do poder do diñeiro.
O director lembrou que esta revolta, que tivo lugar en Galicia na Idade Media, supuxo a expulsión de todos os nobres do reino galego. Durante dous anos, o país dirixiuse de forma asemblearia, ata que os ricos lograron reunir o diñeiro necesario para recuperar o poder, grazas á primeira arma que usaba a pólvora, o arcabuz.
"Trátase dun proxecto apaixoante e arriscadísimo, froito dun empeño moi especial en poñer en valor as nosas músicas e as nosas danzas", explicou Quique Peón dun espectáculo no que tamén participa o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina.
A danza e o baile tradicional galego é o elemento principal do espectáculo, "colocado" dentro da danza contemporánea "para contar unha historia". Ademais, a música dirixida por Pedro Lamas é un eixo fundamental de O poder do arcabuz, fusionando a música tradicional e a culta, recuperando sons do medievo e creando bases contemporáneas e étnicas.
Este é o culmen de dous anos de "duro traballo", xa que o director reivindicou que todo o espectáculo é "de nova creación" e trátase dunha obra que "nos fai pensar".
O poder do arcabuz é, segundo a nova concelleira de Cultura, Carmen Fouces, a "mellor escolla" para iniciar o ciclo Summum, xa que ademais da súa calidade e da súa temática, a súa representación coincidirá co Día Internacional da Danza.
A ela referiuse tamén Quique Peón para lamentar que sendo a "primeira das belas artes", actualmente é a "irmanciña pobre" das artes escénicas e os apoios por parte das administracións públicas son "mínimos".
As entradas para O poder do arcabuz pódense adquirir, a un prezo entre 14 e 16 euros, a través de Ticketea.com.
Relacionadas:
-
A Revolución Irmandiña arranca o ciclo Summum con "O poder do arcabuz"
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Carlos Sobera, Teté Delgado, Gabino Diego, Héctor Alterio e danza, protagonistas do ciclo Summum
Por Anxo Lourido |
-
Un musical recreará no Pazo da Cultura a Revolta Irmandiña do século XV
Por Redacción |