O talento audiovisual do campus, premiado por partida dobre nos Showing Film Awards
Por Redacción
O Showing Film Awards recoñece o talento do campus de Pontevedra. As dúas curtas realizadas por alumnos da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación foron premiadas neste certame internacional de curtametraxes. Ambas figuraban entre as quince finalistas.
Inefable, a peza dirixida por Jonatan Toucedo, logrou o segundo premio neste festival, mentres que Fume, do estudante de Comunicación Audiovisual Alejandro Rodríguez, foi recoñecido nesta gala co accésit á mellor dirección.
"A verdade é que emociona, porque trátase da primeira vez que dirixo unha curta, e chegar ata aquí e aínda por riba recibir un premio sempre reconforta e anima a seguir facendo cousas", salienta Rodríguez tras participar este luns, xunto con seis integrantes do equipo técnico de Fume, todos eles alumnos do centro, na gala de entrega destes galardóns.
Toucedo, que xa fora finalista deste festival en dúas ocasións, logrou o premio grazas a unha curta que narra a historia do tres veces campión do mundo de parataekwondo Alejandro Vidal, que realizou xunto co estudante Nicolás Pérez, o titulado Brais Sousa, Sergio Santiago, Pablo Alén e David Mera.
"O que máis nos gustou deste premio é que se coñecese a historia de Alejandro Vidal, que é un pouco a razón desta curta", sinala o director da peza premiada nunha edición que tiña como temática a resiliencia, a capacidade de adaptación a situacións adversas.