"Continuidade" ao foro que tenta analizar a conexión entre arte, cultura e educación
Por Diego Espiño
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá os días 5 e 6 de maio, por segundo ano, o Foro Arte, Cultura e Educación organizado por Taller Aberto, e que parte co obxectivo de "achegar a cultura e a arte á comunidade, poñendo en contacto a persoas e colectivos", explicou Marta Guirado na súa presentación.
O foro repite coa intención de darlle "continuidade", sinalou a concelleira Carme da Silva, e "aberto a toda a cidadanía, pero orientado especialmente á comunidade educativa".
O seu obxectivo principal pasa por reunir nun mesmo espazo aos impulsores da produción cultural, como son os museos, as escolas, os centros artísticos e asociacións e institucións.
Os relatorios relativos á escola estarán impartidas por dous mestres, Javier Abad e Vita Martínez, que están involucrados nun proxecto colectivo de arte no concexto escolar, e tamén por outras tres profesoras (Teresa Frieiro, Amelia Seoane-Chanes e Lara Valcuende) que desenvolven un Ares, A Coruña, un proxecto de ópera na escola.
No ámbito dos museos de arte estará presente en Pontevedra a directora da área de educación do Museo Thyssen, Ana Moreno. Ademais tamén participará Miguel Castro, que traballa en creatividade desde hai 45 anos.
Por último no ámbito informal presentaranse propostas artísticas e de integración social a cargo da arteterapeuta Ascensión Moreno e do filósofo Félix Duque.
As inscricións para o foro, que conta cun límite de 240 prazas, son gratuítas e deben formalizarse antes do día 1 de maio na web www.foroace.com.