Diversión e tradición tiveron unha cita na Aña Urbana
Por Diego Torrado
O público pontevedrés tivo oportunidade este sábado de achegarse a unha manifestación habitualmente descoñecida do patrimonio cultural galego, a das 'añas' ou actividades que se realizaban cada ano coincidindo co ciclo das labradas para acompañar as tarefas do campo. A asociación cultural Trépia volveu organizar a súa Aña Urbana, que tivo o seu epicentro na praza de España, pero chegou a case todos os recunchos do casco histórico.
As actividades desta sétima edición da Aña Urbana comezaron xa pola mañá e remataron cun Serán que rememorou aqueles que se producían décadas atrás no rural de varias comarcas galegas, nos que pedras, sachas ou 'leghóns' facían de instrumentos para acompañar a música.
Nesta edición da Aña Urbana participaron os grupos Pousos da Area, a escola da asociación Peis d'Hos, as pandereteiras Ghandainas de Alcabre, o grupo Trébede e os grupos de Trépia, coa colaboración dos pandereteiros da agrupación Traspés, de Vigo e a pandereteiras de Gargamala (Mondariz), informantes directas da tradición.
Ademais da vertente musical, que eclosionou a partir das 19.30 horas cunha serie de concertos, os participantes tamén puideron gozar dunha exposición guiada en colaboración co CETMO (Centro Etnográfico da Terra de Montes) na carpa instalada na praza de España.