Bueu únese a Cinemas de Galicia con cinco proxeccións ata xuño
Por Redacción
Coa proxección de Mimosas do director galego Oliver Laxe, Bueu únese ao programa Cinemas de Galicia, unha iniciativa cultural da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) que busca levar cine galego e internacional aos concellos nos que non hai salas comerciais. A película poderá verse o sábado 22 de abril, ás 21.00 horas, no Centro Social do Mar.
O programa, ao que están adheridos nove concellos, pretende "contribuír á difusión do noso cine, ao tempo que recupera o hábito da pantalla grande e nos ensina o lugar dos nosos filmes no ámbito internacional", segundo destacou o director da Agadic, Jacobo Sutil.
O alcalde, Félix Juncal, apuntou que Cinemas de Galicia é un proxecto ambicioso no que se proxectará unha ducia de películas, e que se realiza mediante un convenio de colaboración entre ambas administracións, que suman arredor de 5.000 euros. Tamén participa nesta iniciativa o Cineclub de Bueu.
Mimosas, que mereceu o Premio Semana da Crítica do Festival de Cannes, é unha epopea sobre a sacralización dun mundo no que aínda existe unha busca da vontade divina, para falar, en última instancia, do poder transformador da fe. Unha mensaxe cifrada nunha poética de alcance universal. O público só pagará tres euros para vela.
O sábado 6 de maio proxectarase Cen anos de perdón, dirixida por Daniel Calparsolo, inserido nos códigos do cine de denuncia e crítica social, no que se empregan esquemas clásicos do cine de roubos e atracos para poñer de manifesto a corrupción e a pirámide de intereses que se irá desmoronando e poñendo de manifesto a podredume moral e social.
O 19 de maio será a quenda de Os días afogados de César Souto e Luís Avilés, unha proposta documental que conta como afectou a construción en 1992 do embalse de Lindoso, en Portugal, ás aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense).
Cando todo estaba a piques de perderse, os habitantes destes lugares colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a rexistrar todo o que acontecía. O filme deixa patente a tensión entre o existencial e o político, entre o tempo pasado e o presente, para explicar a realidade.
Psiconautas, los niños olvidados, dirixida por Alberto Vázquez e Pedro Rivero, terá o seu oco o 3 de xuño. Esta fita de animación para adultos está adaptada da novela gráfica homónima de Alberto Vázquez, e conta a historia de dous amigos que decidiron fuxir dunha illa asolada por unha catástrofe ecolóxica, un illándose do mundo, e o outro emprendendo unha arriscada viaxe.
Xa o 16 de xuño estrearase Siembra de Ángela Osorio e Santiago Lozano, que conta a mudanza dun home e o seu fillo da costa de Colombia a Cali, onde atopan dificultades para adaptarse á cidade. É unha produción colombiana e alemá e foi o premio do público do festival de Novos Cinemas de Pontevedra.
A segunda fase de Cinemas de Galicia desenvolverase de setembro a decembro e nela tamén participará Bueu.