Ritmos e melodías do país achéganse a escolares pontevedreses en Afundación
Un concerto didáctico para que alumnos de Primaria se acheguen a ritmos e melodías da música de baile do país. É o que ofrece a compañía Fetén Fetén no espectáculo A marabillosa historia do violín trompeta, ao que acudirán preto de dous mil escolares durante os dous próximos días. Os primeiros xa o fixeron este mércores 19 de abril.
Os nenos tiveron a oportunidade de coñecer estilos musicais que chegaron desde lugares afastados e que pasaron a ser banda sonora nacional, enriquecida coa influencia de numerosas e variadas culturas.
Diego Galaz e Jorge Arribas, os dous compoñentes de Fetén Fetén, mostráronlles instrumentos que van desde o acordeón, violín, frauta traveseira, mandolina ou gaita, ata un stroviol, un vibrandoneón, un cigar fiddle box ou mesmo unha cadeira de cámping, un serrucho, unha tixola e un violín trompeta.
A participación tamén estivo moi presente nesta actividade, facendo, por exemplo, que varios alumnos dirixisen ao resto, convertendo o auditorio nunha gran orquestra.
Fetén Fetén é un dos grupos de música en directo con máis proxección do panorama nacional. Recentemente participaron no Festival Internacional de Acordeón de Viena e o pasado 1 de abril editaron o seu terceiro disco, Cantables, un álbum que conta coa participación de artistas como Fito Cabrales, Julieta Venegas, Natalia Lafourcade ou Jorge Drexler entre outros.
Representación de "A marabillosa historia do violín trompeta" de Fetén Fetén
Un concerto didáctico para que alumnos de Primaria se acheguen a ritmos e melodías da música de baile do país. É o que ofrece a compañía Fetén Fetén no espectáculo A marabillosa historia do violín trompeta, ao que acudirán preto de dous mil escolares durante os dous próximos días. Os primeiros xa o fixeron este mércores 19 de abril
© Mónica Patxot