Case un centenar de actuacións levarán a Cultura no Camiño a 24 concellos de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Funcións teatrais, actuacións musicais ou espectáculos de maxia, circo e danza. Son as principais apostas da quinta edición do programa Cultura no Camiño que, un ano máis, volverá a encher de actividades os concellos galegos polos que pasa o Camiño de Santiago ou algunha das súas rutas. No caso de Pontevedra, participarán 24 concellos.
Meis e Tui son os dous municipios da provincia que se suman este ano a esta iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura co patrocinio de Gadis. Ademais, os concellos tamén colaboran economicamente no financiamento desta actividade cultural.
Na presentación de Cultura no Camiño, que tivo lugar no Museo das Peregrinacións de Santiago, símbolo e centro difusor do fenómeno xacobeo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que este programa xa está consolidado como xeito de enriquecer a oferta cultural dos municipios que forman parte do camiño.
Ademais, Rodríguez sinalou que un dos obxectivos deste programa é dinamizar o mercado de traballo dos profesionais da nosa cultura, dado que todas as compañías que se contratan son galegas. Este ano, de feito, xerarase emprego para case douscentas persoas destas compañías.
Treixadura, Guadi Galego, Uxía, Elefante Elegante, Cé Orquestra Pantasma, Caramuxo Teatro, Raquel Queizás, Rosa Cedrón, Pistacatro, A Tropa de Trapo, TrasPediante, Sarabela Teatro, Talía Teatro ou o Mago Teto son só algúns dos artistas que farán as delicias de grandes e pequenos nos concellos participantes ao longo de toda a primavera e o verán.
As funcións prolongaranse ata o 30 de setembro, coincidindo ademais co período de maior auxe das peregrinacións e contribuíndo a enriquecer o programa turístico dos concellos participantes. A meirande parte terán lugar en emprazamentos ao aire libre, co que se multiplica a súa visibilidade e o seu impacto en relación coa dinamización cultural en Galicia.
A programación completa deste programa pódese consultar nesta ligazón.
Haberá actividades en Pontevedra, Barro, Caldas de Reis, Portas, Vilaboa, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, O Grove, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
No caso da cidade do Lérez, a programación concentrarase na praza do Teucro entre os días 10 e 15 de xullo. Nela veremos, sucesivamente, a María Faltri e Jorge Juncal en concerto, o espectáculo Baile, Roque, Baila de Baobab Teatro, o mago Javier Muro, a función de O horroroso crime de Xan Miñoca de Viravolta Títeres, os magos Xacobe e Kayto ou a obra Canto conto de Expresión Produccións.