Máis de 4.000 visitantes en dúas semanas nas ruínas de San Domingos
Por Redacción
As ruínas de San Domingos de Pontevedra recibiron nas dúas semanas que levan abertas ao público despois do peche durante o inverno un total de 4.323 visitantes, segundo os datos facilitados este martes polo deputado de Cultura e Lingua da Deputación, organismo que xestiona o monumento.
Xosé Leal deu a coñecer este balance con motivo do Día Internacional dos Monumentos e Sitios e destacou que as ruínas son "un dos enclaves que máis lle gusta visitar á xente", pola súa singularidade arquitectónica e pola carga histórica que atesouran.
En opinión do deputado de Cultura e Lingua, todos os esforzos realizados en 2016 para reabrir as ruínas ao público "vense amplamente recompensados" coa resposta da cidadanía.
Das 4.323 visitas recibidas desde que as ruínas de San Domingos retomaron o seu horario habitual de apertura ao público o 4 de abril un total de 3.027 corresponden á Semana Santa. Os días de máis afluencia de público foron o Xoves e o Venres Santo, con máis de 800 visitantes cada día.
As ruínas de San Domingos foran reabertas ao público o pasado mes de agosto, tras tres anos pechadas por mor das obras de consolidación de todos os elementos do edificio. Nos tres meses que permaneceran abertas ao público durante o 2016 recibiran un total de 41.593 visitas, o que supuxera o 38,7% do total das visitas do Museo durante o pasado exercicio.
O horario de apertura ao público é de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 horas a 19.30 horas, de martes a sábado e de 11.00 a 14.00 horas o domingo e os días festivos. As visitas guiadas realízanse ás 12.00 horas e ás 17.30 horas de martes a venres.