Ponte Caldelas soará a fados para conmemorar o aniversario da Revolución dos Caraveis
Por Redacción
O Centro Cultural de Ponte Caldelas acollerá o próximo martes 25 de abril un dobre acto literario e musical co que vai conmemorar o Día Internacional do Libro e o aniversario da Revolución dos Caraveis en Portugal, a histórica xornada que puxo fin á ditadura salazarista.
A cita comeza ás 20.30 horas e a asistencia é completamente aberta.
Comezará coa apertura da exposición dos fondos literarios galaico-portugueses, para conmemorar o Día Internacional do Libro, que se celebra este 23 de abril, pero o prato forte vai ser o concerto didáctico de música portuguesa que van ofrecer os integrantes do grupo Laranxada de Limón, cunha hora e media de duración aproximada.
O concerto estará dividido en dúas partes. Nunha primeira farase un repaso da música portuguesa en pezas tan coñecidas do cancioneiro galego como A saia da Carolina ou Alecrín.
A segunda parte consistirá na interpretación dunha parte do repertorio máis clásico dos fados e incluirá tamén unha pequena homenaxe a Francisco Pérez Andión, un músico de Caritel que triunfou como guitarrista de Amalia Rodrigues, e foi coñecido como Paquito, o fadista galego.
A interpretación estará a cargo de Cándido Picanzo, un caldelán orixinario de Barbudo, pero nacido e criado en Lisboa, que leva o fado no sangue. Na primeira parte estará a formación do grupo ao completo e xa, na segunda, Cándido cantará acompañado de Manolo, o do acordeón, á bandurria. Haberá tamén unha interpretación especial do tema La Balsa de Piedra, co que Luis Pastor homenaxeou ao escritor Saramago.
O Concello organiza este novo acto cultural, que incluirá o reparto de caraveis entre o público asistente, como unha ocasión única de aprender sobre a música portuguesa máis tradicional e tamén a súa forte influencia na música galega.