Sábados de teatro, en Bueu
Por Redacción
O Concello de Bueu arranca este ano co programa Sábados de Teatro, un proxecto que obedece ao "afán que temos por seguir apostando pola cultura como un referente das nosas vidas". Así o declarou o alcalde da vila, Félix Juncal, na rolda de prensa celebrada este xoves, na que estivo acompañado do técnico de cultura, Xabier Framil.
Cun investimento de arredor de 6.000 euros, que se financian entre o Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra, o goberno local quere dar a oportunidade de que todas as persoas poidan asistir a estas representacións escénicas polo menos unha vez ao mes e de forma estable. Por iso, o custe de entrada será de tres euros.
As sesións comezarán este sábado coa obra "O que hai que ver", unha comedia de Fulano, mengano e citano, que se poderá ver a partir das 21 horas no Centro Social do Mar. O programa continuará o 13 de maio coa obra "As do peixe", representada por Contraproducións e que destaca por ofrecer unha panorámica sobre as traballadoras da conserva. A compañía Expresión Producións presentará o 24 de xuño a obra "Que é o que precisas?", e o 23 de setembro Lautana Teatro atreverase con "O esperpéntico caso do obreiro do futuro", esta última en clave de comedia e cunha forte crítica político-social.
Este programa contará con outras dúas sesións máis este ano e terá unha duración anual, co que se pretende dar resposta ás inquedanzas culturais e de teatro que xorden na vila.
Neste sentido, Juncal apuntou que "proxectos coma estes se deberían declarar Ben de Interese Social (BIS), pola importancia que teñen no dinamismo cultural e social das vilas".