O grupo Seitura recupera as pezas do coro Aires da Terra
Por Oskar Viéitez
Este xoves o grupo Seitura presentará o seu disco Pontevedra boa vila.
Nacida no seo da asociación Pontevedra Polavila, a agrupación coral Seitura presentará este xoves na Casa das Campás o resultado de anos de traballo nos que puxeron o foco na obra e na traxectoria do coro que a finais do século XIX fundaba Perfecto Feijóo e na gravación que na que Aires da Terra rexistraba por primeira vez o son dunha zanfona.
"O coro e a figura de Perfecto é un dos maiores tesouros que temos na vila", salienta o director instrumental da agrupación, Miguel de Tenorio.
"Quixemos facer unha representación, máis que unha recreación" de oito das cancións incluídas na gravación orixinal de Aires da Terra, "as que pensamos que están máis ligadas á nosa vila", explica este músico.
Unha representación e non unha recreación porque por unha banda engaden unha segunda gaita que non figura no rexistro orixinal, e por outra porque combinan na súa parte coral, que dirixe Lola Fernández, seis voces masculinas e seis femininas. "Aínda que non aparezan reflectidas como voces do coro, despois de investigar, démonos conta de que hai moitas constancias de que había mulleres en Aires de Terra e esa é unha das cousas que quixemos facer visibles", salienta Tenorio.
TRÍO VETERIS, FAGOT, OBOE E CLARINETE
O 20 de abril o trío de canas Veteris ofrecerá un recital baseado na combinación de fagot, oboe e clarinete.
Xurdida na década de 1920 en Francia a formación de vento coñecida como ‘trío de canas’ vén marcada pola combinación de tres dos instrumentos que integran un quinteto de vento, o fagot, o oboe e o clarinete. "Non é unha formación moi habitual, pero ten unha sonoridade moi compensada e moi interesante", recoñece Federico Vázquez, un dos integrantes do trío de canas que o xoves 20 ás 20.30 ofrecerá na Casa das Campás o seu primeiro concerto.
Ferrán Calatayud, ao fagot; David Garrido, ao oboe, e o propio Vázquez ao clarinete integran unha formación que nesta actuación promovida pola Área de Extensión Cultural do campus interpretará unha serie de obras "que non son as máis habituais", baixo un formato que "tampouco é o máis habitual".
Non en van, o repertorio que este trío de músicos e docentes seleccionou para este recital está integrado por unha selección de pezas "bastante interesantes de compositores pouco coñecidos". Rondó de Konolosky, Trío de Henri Sauguet, Trío de Birger Blomdhal e Reminiscencias Arxentinas de L. Zuckert integran o programa dun recital que reúne, como explica Vázquez, unha serie de pezas "bastante tonais e melódicas, ningunha delas editada en disco" de compositores de música de cámara do século XX.