O ciclo de cinema galego Ficciónate estrea a súa segunda edición na Illa de Arousa
Por Redacción
O venres 31 de marzo ás 20.00 horas no Auditorio Municipal da Illa de Arousa arranca Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego.
Catro curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos anos e que unen forzas para buscar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Entre un total de 29 filmes candidatos na fase de presentación, foron seleccionadas 4 obras: Illa Pedra de Adriana Páramo, Einstein-Rosen de Olga Osorio, Curricán de Álvaro Gago e Superpunky, El Musical de Pablo Cacheda.
Na primeira edición deste ciclo, foron un total de 9 as localidades que acolleron as proxeccións das obras Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary. Estas curtametraxes viaxaron en 2016 a Illa de Arousa, Negreira, Sarria, Pontevedra, Ferrol, Santa Comba, Burela, San Sadurniño e A Coruña. Nesta nova edición, a organización prevé que este número de concellos aumente e o ciclo continúe en expansión trala fantástica acollida na primeira edición.
Tras as proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación. Para finalizar cada evento, haberá un aperitivo cortesía de Adega Terra Brava, Pazo de Anzuxao, Ingapan, Casa Neiras e Fontecelta.
Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Illa Pedra é unha curtametraxe de Adriana Páramo protagonizada por María Tasende e Nerea Barros que aborda o tema de emigración. Con tintes autobiográficos, a directora cóntanos a historia de Antía, quen deixa a súa terra e a súa mellor amiga Iria séntese traizoada.
Einstein-Rosen de Olga Osorio (premiada en diversos festivais e gañadora do Premio Mestre a mellor curtametraxe 2017) narra a historia de dous irmáns, que, no verán do ano 1982 aseguran atopar un buraco de verme. Pola súa banda, Curricán de Álvaro Gago, narra as aventuras de Xoan Curricán na mariñeira Vilanova de Arousa, a súa vinculación co mar e o quefacer diario dun rapaz de aldea co seu avó e irmán. E dado que este ano os musicais están en plena efervescencia grazas ó fenómeno “La la land”, o musical Superpunky pecha a selección desta nova edición de Ficciónate. Está protagonizado por Antea Rodríguez e Sabela Arán e conta coas notas musicais dos grupos Priscila e Monoulious DOP. Unha selección diversa en canto a temática, xénero e concepto audiovisual.
Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa en coprodución con MT Producciones.