Orbil visita esta semana hospitais de Vigo, Santiago e Pontevedra
Por Redacción
O lobo Orbil, santo e seña do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, comezou este luns as súas visitas aos nenos hospitalizados nos centros médicos Álvaro Cunqueiro de Vigo, o Clínico de Santiago e Provincial de Pontevedra.
A primeira cita tivo lugar no hospital vigués, onde estivo acompañado polos contacontos de "Polo Correo do Vento", que repetirán visita o martes, nesta ocasión no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. A última parada será o xoves 30 no Hospital Provincial de Pontevedra, onde os contos correrán por conta de Raquel Queizás.
PUM PUM
Ademais, a compañía Baobab Teatro comezou este luns no auditorio do Pazo da Cultura a montaxe do seu espectáculo "Pum Pum ", que se estreará no Salón do Libro con dous pases para o público xeral o martes 28 e o mércores 29, ás 18:30 horas.
"Pum Pum " achégase a temas complexos que atinxen á infancia dende unha perspectiva tenra, poética e tamén divertida. O peso dos segredos e a necesidade de apoio familiar son as claves dunha obra que pretende ser moito máis ca un entretemento, pero sen renunciar a el.
A intención de Baobab é visibilizar o que está oculto e tamén sorprender ó público. Para conseguilo, combina o teatro de actor, os títeres, as sombras e unha nova técnica con máscaras. Ademais, "Pum Pum" conta con música en directo a cargo de Davide González, cun papel protagonista para o acordeón, pero tamén co apoio de melódica e, como novidade, o kigonki.
FORMACIÓN DOCENTES
Do 27 ó 31 de marzo o Salón do Libro acolle tamén uns obradoiros de formación para docentes, un deles adicado a dotar aos profes de recursos na aula para a atención educativa do alumnado con diversidade funcional. Está a ser impartido por especialistas en parálise cerebral, síndrome de Down, autismo, cegueira e hiperactividade.
O outro obradoiro é de creatividade e "mindfulness" ou conciencia plena está baseado nas ancestrais técnicas de meditación, pero desde un enfoque máis científico. Está demostrado que este tipo de exercicios melloran, tanto en rapaces como en adultos, a concentración, a empatía, a creatividade e o benestar.
Relacionadas:
-
Adeus a 24 días de Salón do Libro con 32.000 visitas imaxinando mundos mellores
Por Diego Torrado |
-
Espectacular estrea de 'Pum Pum!' da compañía pontevedresa Baobab Teatro no Salón do Libro
Por Mónica Patxot |
-
A India e Galicia conflúen na Casa das Campás
Por Sofía Fernández Fuentes & Mónica Patxot |
-
Cerca de 22.000 visitantes dende o comezo do XVIII Salón do Libro
Por Redacción |
-
22 propostas para a fin de semana sen saír do Salón do Libro
Por Oskar Viéitez |
-
A Banda de Música de Pontevedra aporta a súa creatividade no Salón do Libro en 'Peer Gynt'
Por Redacción |