A webserie pontevedresa 'La última piedra' ponse de longo no Teatro Principal
Por Redacción
O Teatro Principal acollerá este xoves 30 de marzo a presentación oficial da webserie La última piedra, creada polos pontevedreses Adrián González e Tamara Andrés e con actores da cidade do Lérez do mundo da televisióin, o cinema e o teatro. O acto está previsto para as 20.00 horas.
La última piedra está totalmente autofinanciada polos seus promotores e conta coa colaboración especial dos grupos Pinga Teatro e Piollo Teatro. Para a súa proxección no Teatro Principal conta coa axuda do Concello de Pontevedra e da Pontevedra Film Commission.
A parte musical tamén ten pegada pontevedresa. A música é completamente orixinal e foi creada e gravada nos Zoilo Unreal Studios da cidade.
As seis historias principais desta webserie transcorren en Pontevedra e os seus protagonistas son Paula Andrés, Tamara Andrés, Manuel Cao, María Carreira, Susana Cerviño, Miquel Condal, Sergio Pérez (Chuvi) e Noelia Toledano. Trátase de historias pegadas á realidade que, segundo os seus creadores, "poderían suceder perfectamente nunha cidade como Pontevedra".