Gaiteiro, gaiteiro, gaiteiro!
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Flores, pasarrúas, unha placa conmemorativa na casa na que viviu en Pontevedra, unha gala e a súa música serviron para homenaxear ao Gaiteiro de Viascón, Ricardo Portela, de quen xa pasaron 25 anos do seu pasamento.
Os actos comezaron este venres cunha ofrenda floral diante do busto adicado ao músico na Praza do Concello de Cotobade a cargo da súa filla, Rosa Portela, que posteriormente agradeceu ao pobo que o manteña na lembranza.
O acto rematou cunha actuación conxunta de músicos das tres agrupacións folclóricas de Cotobade: Os Trazantes de Tenorio, Foula e Os Afoutes do Canón de Pau.
O son da gaita co toque pechado foi unha constante durante toda a xornada. As rúas de Pontevedra foron percorridas por Os Gaiteiros das Rías Baixas, Os Alegres, Foula e Os Trazantes, para lembrar a Portela do mellor xeito.
Sumáronse á homenaxe o artesán Alvaro Seivane; Antón Corral, o biógrafo de Ricardo Portela, José Luis Calle, o escultor autor do busto en pedra de Carballedo, Manuel Fontán, e mesmo Xosé Lois Foxo, fundador da Escola de Toxos e Xestas.
A placa conmemorativa foi descuberta na fachada do edificio número 8 na rúa Laranxo da Boa Vila. Di así: "Deu alento, vida e expresividade ao instrumento máis noso e inmorredoiro"
Con eles, políticos de Pontevedra, de Cerdedo-Cotobade, da Deputación e da Xunta, tamén o presidente do grupo Marmurios de Leucoiña, Eduardo Esteban, o presidente da Fundación SondeSeu, Anxo Pintos, e varios representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos.
O remate foi unha gala na que se presentou un novo disco de Óscar Ibáñez baixo o título Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela, 25 Anos cunha selección do seu repertorio máis característico interpretado coa súa propia gaita de dixitación pechada.
A gala incluiu entrevistas e actucións coas que se lembrou a un artista que segue a ser fonte de inspiración para músicos galegos.