Un musical recreará no Pazo da Cultura a Revolta Irmandiña do século XV
Por Redacción
O vindeiro mes de abril o Pazo da Cultura de Pontevedra recreará a Revolta Irmandiña do século XV. O día 29 de abril ás 20.00 horas acollerá o musical O poder do arcarabuz, un espectáculo de Quique Peón Cía que porá sobre o escenario preto dun cento de artistas: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro.
O Poder do Arcabuz está concibido como un musical de estrutura compostal de diferentes escenas que se irán sucedendo, unha tras outra, a modo de actos, ao estilo dos antigos ballets románticos. Combina música e danza tradicional e contemporánea en gran formato da man da compañía Quique Peón Cía e o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina.
O autor, director e coreógrafo do espectáculo, Quique Peón, explica que é "unha proposta tradicional e vangardista ao mesmo tempo" e un proxecto "ambicioso, apaixoante e arriscadísimo" froito dun empeño moi especial en poñer en valor as músicas e danzas propias. É, segundo indica, "unha das obras máis ambiciosas no mundo da danza galega".
Quique Peón utiliza a historia dos Irmandiños e o arcabuz como metáfora do poder e dos cartos. Lembra que a Revolución Irmandiña foi a maior revolta europea do século XV, que foi derrotada finalmente polos nobres, que traían a primeira arma que usaba a pólvora: o arcabuz.
O Poder do Arcabuz fusiona distintas artes escénicas enmarcadas nun contexto netamente contemporáneo e traído aos nosos días. A danza e o baile tradicional galego serán o elemento principal do espectáculo, a linguaxe de cohesión de todo e a obra tamén amosará diferentes movementos e expresións de danzas, bailes, músicas, cantos e coreografías, moitas delas medievais (de espadas, de arcos, de paus, de cintas, de reis ...), empregando un amplísimo abano de movementos folclóricos que evolucionarán ata os nosos días e que servirán para relatar o que se quere contar en cada momento.
A música, dirixida por Pedro Lamas, será un eixo fundamental do espectáculo e fusionará a música tradicional e a culta, facendo énfase na do medievo, creando bases contemporáneas e étnicas utilizando música instrumental, de percusión e vocal (solista e coral).
As entradas están xa á venda a un prezo de entre 14 e 16 euros.