Cerdedo-Cotobade e Pontevedra comparten a gaita de Ricardo Portela nos 25 anos do seu pasamento
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Cúmprese un cuarto de século do falecemento por un ataque ao corazón dun gaiteiro único e que serviu de guía dos músicas tradicionais galegos contemporáneos, Ricardo Portela.
Este mércores, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañado por Rosa Portela, filla do gaiteiro; polo deputado provincial Xosé Leal; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, ademais do músico Óscar Ibáñez, presentaba os actos de homenaxe que se van a levar a cabo para lembrar a figura de Ricardo Portela este ano.
O venres 24, Cerdedo-Cotobade acollerá ás 12.30 horas unha ofrenda floral no busto do músico situado na praza do Concello, en Carballedo. En Pontevedra desenvolverase un pasarrúas cos Gaiteiros das Rías Baixas, Os Alegres e Foula por Pontevedra durante a tarde. Ás 18.30 horas descubrirase unha placa conmemorativa na rúa Laranxo na casa que Portela tiña na capital. E a partir das 21.00 horas desenvolverase unha gala homenaxe, que estará conducida por Ramón Pinheiro, no Teatro Principal.
Nesa cita presentarase o disco 'Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela 25 Aniversario Pasamento', do que é autor Óscar Ibáñez. O gaiteiro pontevedrés explicaba na presentación da importancia que tivo o músico de Viascón ao ser continuador do toque diferencial, "toque pechado", converténdoo en "un mito en vida".
Ibáñez gravou o álbum coa gaita do homenaxeado e recoñecido gaiteiro, de quen destacou a súa visión academicista e a súa fórmula sistemática empregada para cada fraseo. "Non era músico de partitura, pero si de alma", sinalaba Óscar Ibáñez. Portela foi ademais un instrumentista cunha técnica de elevado nivel que serviu para marcar o desenvolvemento da técnica moderna da gaita.