Domingos do Principal baixa o pano con "Moby Dick"
Por Redacción & Diego Torrado
Todo o bo chega á súa fin. O ciclo Domingos do Principal baixou o pano. Fíxoo cunha obra que, de novo, logrou encher o patio de butacas do Teatro Principal. Trátase de Moby Dick, da compañía Gorakada Teatro.
Moby Dick é un espectáculo pensado para todos os públicos a partir de 6 anos, no a compañía vasca quixo aproximarse a esta obra mestra da literatura universal.
Utilizando a imaxinación, para recrear ante os mozos espectadores mares, cachalotes, personaxes e aventuras presentes no libro, Gorakada bota man de elementos escénicos, o ritmo, o humor, a música, o traballo dos actores e, sobre todo, as palabras de Melville.
A obra conta a historia o Pequod, barco baleeiro ao mando do capitán Akab. Durante a súa viaxe goza dos praceres da vida no mar, fai amigos e aprende a recoñecer os distintos tipos de baleas. Pero o obsesivo desexo de vinganza do capitán Akab contra Moby Dick, a balea branca, conducirá ao Pequod e á tripulación á desgraza.
Este espectáculo foi galardoado como o premio FETEN 2016 á mellor dirección e foi todo un broche de ouro a un ciclo que, ano tras ano, demostra estar máis que consolidado na oferta cultural e Pontevedra.