Rebeca Jiménez, primeiro concerto para celebrar as vodas de prata do Náutico do Grove
Por Alejandro Espiño
Máis pronto do habitual estrea a súa tempada de concertos El Náutico de San Vicente do Mar. E non é para menos. Este ano celebrará as súas vodas de prata, afianzado como unha das salas de referencia de todas as Rías Baixas. A primeira artista en pisar o seu escenario en 2017 será Rebeca Jiménez, que actuará no Grove este sábado 4 de marzo.
Será o segundo concerto en Galicia da xira de presentación do disco Tormenta y mezcal, que Rebeca Jiménez lanzou ao mercado o pasado 25 de novembro.
Tras cinco anos de silencio musical, a artista segoviana ofrece no seu cuarto disco once temas inéditos compostos por ela, baixo a produción de Toni Brunet.
Trátase dun traballo que, tal e como explica a propia artista, está moi vinculado con México, país latinoamericano no que tratou de facerse un oco durante unha longa tempada, lanzando un recompilatorio cos seus mellores e temas, e onde compuxo moitas das novas cancións deste álbum.
O concerto dará comezo ás 20 horas.
As entradas xa están dispoñibles en venda anticipada en www.ticketea.com, ao prezo de 10 euros máis gastos de xestión.