O festival do Local de Música xa ten finalistas
Por Diego Espiño
O Fest, concurso organizado polo Local de Música e que pretende promover a escena musical pontevedresa emerxente, xa ten finalistas para o concerto que se celebrará no Teatro Principal o próximo día 23 de marzo.
O xurado ten selecionado a oito formacións musicais entre as que se encontran Gonzalo Arca, Kaootik, Nagai, The Blind Crows, The Flying Carpet, Turbolaser, Voltage e Vortex.
Na final os grupos seleccionados realizarán unha breve actuación ensinando o seu espectáculo para que primeiro o xurado e logo o público adxudiquen os dous premios en xogo. O primeiro, o do xurado, consistirá na gravación dun videoclip cunha produtora profesional por valor de 1.000 euros, mentres o público decidirá quen gaña unha actuación remunerada na cidade.
A iniciativa, promovida pola Área de Xuventude do Concello, pretende ofrecer aos grupos noveis a oportunidade de darse a coñecer e empezar a desenvolver a súa carreira artística.