Miguel Villanueva cede un dos seus cadros ao museo Manuel Torres de Marín
Por Redacción
O museo Manuel Torres amplía os seus fondos. Faino cun cadro do pintor marinense Miguel Villanueva, que quedou en depósito na institución tras a exposición que acolleu nas últimas semanas.
Por cuarto ano consecutivo, o museo organizou unha homenaxe a un artista local e desta volta o escollido foi Villanueva, pola súa traxectoria como pintor, músico e activista cultural, coñecedor da cultura de Marín e do resto da comunidade galega.
A través de A estrutura atómica da materia, Villanueva amosou unha serie de traballos que se afastan das composicións figurativas, levando aos espectadores ao campo da abstracción, aínda que nalgunhas das súas obras se deixa entrever sutilmente algúns elementos táctiles.
As súas obras estrutúranse plenamente nunha superposición de capas. Este xogo de capas proxecta no espectador un achegamento para contemplar como uns elementos extraídos da natureza a base de colas, pegamentos ou masillas constitúen cada unha das súas pezas.
O cadro cedido por Miguel Villanueva chámase Arboreda e foi pintado no pasado ano 2016.