Os Premios Galegos da Música regresan a Pontevedra cargados de novidades
Por Redacción
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá, un ano máis, a gala de entrega dos Premios Galegos da Música. Será o próximo 3 de maio cun evento que volverá a estar conducido pola compañía A Panadaría Teatro. A cuarta edición destes galardóns contará con novidades nas bases do certame e no sistema de votación.
Durante a presentación dos premios na Sala Riquela de Santiago, os organizadores mostráronse satisfeitos pola consolidación do certame, e ilusionados ante unha nova convocatoria que volve achegar novidades para intentar adaptarse á realidade que demandan os músicos e músicas do país.
Ramón Bermejo, voceiro de Músicos Ao Vivo, explicou que non poderán presentarse este ano os proxectos premiados na anterior edición, para dar a outros proxectos máis oportunidades de visibilización.
Ademáis, modifícase o sistema de votacións para introducir na segunda fase un xurado integrado por profesionais do sector musical que decidirán os gañadores, a partir dos tres finalistas de cada categoría, elixidos polos socios da asociación en votación aberta.
Estes cambios nacen, segundo o responsable da organización, da necesidade de velar pola lexitimidade e coherencia da convocatoria, abrindo un pouco o abano de deliberación e convidando a todo o sector a participar na elección dos proxectos destacados de cada ano.
"Deste xeito, o certame continúa construíndo pontes para tratar de unir a todas as familias musicais galegas, fiel ao seu obxectivo de traballar para lograr uns premios de todos", asegurou Bermejo, que adiantou que a gala deste ano ademais de ser a gran festa da música galega "vai ser un acto onde se reivindiquen as demandas do sector".
Neste sentido mencionou a nova lei de espectáculos, as políticas municipais para regular a música ao vivo, a necesidade dunha maior presenza da muller na asociación e nos premios, a constitución dunha cooperativa de facturación galega e a importancia de promover unha educación musical de calidade.
Este ano volverán convocarse 16 categorías musicais: Pop e Indie / Rock / Blues, Funk e Soul / Metal / Canción de Autor / Hip Hop e Músicas Urbanas / Reggae, Ska e Mestizaxe / Electrónica / Música Clásica e Contemporánea / Jazz e Músicas Improvisadas / Música Tradicional Galega / Folque / Músicas do Mundo / Música Infantil / Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena / Coros e Música Vocal.
Ademais, os premios Organistrum seguirán recoñecendo o labor da industria, premiando a unha sala, o un festival e un espazo de comunicación musical; e por último tamén se mantén o premio honorífico para recoñecer a traxectoria dun músico galego.
Os artistas e bandas que queiran optar aos premios terán ata o 5 de marzo para inscribir o seu proxecto na web dos Premios Galegos da Música.